Seminario internacional “Emprego sostible desde a perspectiva do piar europeo de dereitos sociais”
O campus de Ourense acolle a celebración do Seminario Internacional Emprego sostible desde a perspectiva do piar europeo de dereitos sociais, organizado no marco do proxecto Jean Monnet The central role of the European Union’s social rights in employment in the twenty-first century (RightsEU), coordinado desde a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo pola profesora Emma Rodríguez.
A iniciativa, que conta co apoio das facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo, ten como obxectivo analizar, desde unha perspectiva xurídica e académica, os retos e oportunidades do emprego sostible no marco do piar europeo de dereitos sociais, promovendo o intercambio de coñecementos entre especialistas estatais e internacionais. En particular, busca profundar na relación entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a garantía dos dereitos sociais, examinar o papel da economía social e os empregos verdes, abordar o impacto dos procesos de reestruturación e a mobilidade laboral nos devanditos dereitos, e reflexionar sobre modelos organizativos como as cooperativas, todo iso fomentando o debate científico, a difusión de investigacións e a formación neste ámbito.