Simposio Académico “O sistema de financiamento autonómico: a reforma pendente”
A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá o vindeiro 8 de outubro de 2026 o simposio académico “O sistema de financiamento autonómico: a reforma pendente”, unha xornada que reunirá especialistas de diferentes universidades europeas para analizar os modelos de financiamento rexional, o poder financeiro das comunidades autónomas e os mecanismos de equilibrio territorial. O evento está dirixido por Roberto Ignacio Fernández López e Carmen Ruiz Hidalgo, e coordinado por Luis Miguel Muleiro Parada e Mónica Siota Álvarez, todos eles membros da Área de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo.
O programa desenvolverase ao longo de cinco mesas temáticas que abordarán, desde as 9.00 h, cuestións como o federalismo fiscal na UE, o gasto público autonómico, a corresponsabilidade fiscal, os tributos cedidos e propios, e os fondos de nivelación interterritorial. Entre as persoas participantes figuran especialistas de universidades de Salerno, Catania, Niza, Santiago de Compostela, País Vasco e Las Palmas, así como representantes da Axencia Tributaria de Galicia. A xornada incluirá tamén un espazo para a presentación de comunicacións seleccionadas.
Quen desexe presentar unha comunicación terá de prazo ata o 11 de setembro para enviar un resumo; os traballos aceptados deberán exporse presencialmente e serán publicados nunha editorial de prestixio. A asistencia a polo menos o 75% das sesións dará dereito a un diploma acreditativo.
As persoas interesadas en asistir como público deberán inscribirse antes do 30 de setembro enviando un correo a xestion.proxecto.dereitotributario@uvigo.gal, indicando nome e calidade profesional.
Toda a información e mais o programa no folleto descargable desde a zona gris superior.